A Casa de Galicia en León foi fundada o 18 de novembro de 1967 como resultado da inquietude que existía entre varios dos galegos residentes en León por crear un “Hogar Gallego” que servise de lugar de encontro. O amor por Galicia e a añoranza pola súa terra fan que estes entusiastas, xunto cun grupo de estudantes galegos, comecen a buscar un local axeitado como sede social e así poder aglutinar a todos os galegos dispersos pola zona.

A primeira reunión celébrase o 14 de abril de 1967 e consiguen formar un grupo duns 200 socios, o cal foi medrando e chegou a acadar os 470 socios.

Nese momento empezan a organizar actividades de todo tipo: culturais, recreativas e deportivas, a pesar de non contar con instalacións adecuadas. Así, créase un concurso de relatos en lingua galega e castelá, un equipo de baloncesto e outro de tenis de mesa.

Pouco a pouco a sociedade segue medrando non só en número de socios, senón tamén a nivel económico; na década dos 80 tiveron a concesión de explotación dunha sala de bingo e iniciaron unha relación coa Xunta de Galicia que lles proporcionou axudas en forma de subvencións económicas e aportacións de libros e material diverso.

Esta independencia económica permitiulles a adquisición en 1988 de dúas fincas comunais, cunha superficie total de 30.000 m2, situadas na localidade de Trobajo del Cerecedo (a 4 Km. do centro da cidade de León) e a construcción dun gran complexo social, cunhas completas instalacións recreativas e deportivas que foi inaugurado en xuño de 1992.

Nas instalacións ao aire libre, dispoñen de pista polideportiva, circuíto de exercicios físicos, petanca, baloncesto, balonmán, bolos leoneses, canchas de tenis, campo de fútbol, volei-praia, parque infantil, piscinas (unha climatizada), zonas verdes, saunas (secas e de vapor), bañeiras de hidromasaxe e ximnasio.

As instalacións de tipo social contan con salón social, bar, restaurante, discoteca, sala de lectura, biblioteca, gardería infantil e salón xuvenil. Salientar que a biblioteca dispón duns 1450 volumes, dos que 1.000 son obras galegas.

No centro urbán de León teñen a sede social (en réxime de aluguer), na rúa La Torre, 9, dotada tamén de instalacións sociais.

A este centro foille recoñecida a condición de galeguidade o 22 de outubro de 1987 e conta na actualidade con 3.569 socios, dos cales tan só 209 son galegos.